A Universidade de Santiago de Compostela acollerá as xornadas “Adam Smith e nós. Da riqueza das nacións á riqueza das rexións”, unha iniciativa que conmemora o 250 aniversario da publicación de A riqueza das nacións e que propón unha reflexión actual sobre o pensamento de Adam Smith e a súa vixencia nos debates económicos contemporáneos.
O programa reunirá especialistas de diferentes universidades e centros de investigación de España e Portugal para analizar cuestións como o libre comercio, o desenvolvemento económico, a integración europea e o papel das rexións no contexto global. As sesións converteranse nun espazo de diálogo académico e interdisciplinar arredor das transformacións económicas e territoriais.
O IDEGA participará activamente nas xornadas, achegando a súa experiencia e coñecemento no ámbito do desenvolvemento territorial, a economía rexional e os estudos sobre Galicia. A presenza do Instituto reforza o carácter científico do encontro e contribúe a conectar o legado do pensamento clásico coa realidade económica e social actual.
As xornadas celebraranse os días 5 e 6 no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, concretamente para celebrar os 250 anos da publicación de A riqueza das nacións e o luns 9 no Salón de Graos de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, con entrada libre, para conmemorar os 40 anos da entrada de Galicia e o Norte de Portugal na Unión Europea.
Todas as sesións están abertas tanto á comunidade universitaria como ao público xeral interesado nos desafíos económicos actuais e no futuro da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal.



