O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) é un centro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dedicado á investigación básica e aplicada das Ciencias Sociais e Xurídicas, con especial foco na realidade socioeconómica e territorial de Galicia.
Dende a súa creación en 1976, o IDEGA promove proxectos multidisciplinares co obxectivo de conectar o rigor académico coa resolución de retos reais, como o envellecemento demográfico, os desequilibrios territoriais, o incremento da desigualdade socioeconómica, a planificación urbanística da rexión e a transformación dixital e ecolóxica.
O instituto coopera estreitamente con administracións públicas, empresas e entidades da sociedade civil, proveendo asesoramento técnico. Entre os seus obxectivos destacan a xeración e desenvolvemento de metodoloxías nos campos da Economía, Empresa, Xeografía, Socioloxía, Demografía, Ciencia Política, Ciencias da Comunicación, Dereito Público, Economía Agreria e Antropoloxía; a difusión de coñecementos a través de publicacións, congresos e divulgación científica; a disposición de formacións e actividades investigadoras para a mocidade e a potenciación das relacións científicas con outros centros nacionais e internacionais.
Ao longo da súa traxectoria, o IDEGA converteuse nun referente galego en investigación socieconómica e territorial, con gran capacidade de incidir no deseño de políticas e estratexias de desenvolvemento.

